Asociación Cultural Casa de Galicia de Andorra

Este centro foi fundado o 29 de abril de 1994, e conta na actualidade cun total de 260 familias asociadas, das cales 240 son galegas. Por Resolución do 12 de xaneiro de 1996, DOG do 23 de xaneiro, obtivo o recoñecemento de galeguidade.

A súa sede foi inaugurada o 19 de maio de 1996, logo de realizar as obras de acondicionamento, financiadas coa cota dos socios, aportacións de empresarios galegos da construcción afincados en Andorra e da Xunta de Galicia. Actualmente o local social continúa en réxime de aluger indefinido e están levando a cabo novas obras de reforma.

Os locais son novos (10-12 anos) e consérvanse moi ben, están no primeiro piso dun inmoble moi céntrico pero con grandes dificultades de aparcamento. No relativo á súa distribución, dicir que nos laterais das escaleiras figuran paneis cos nomes das directivas anteriores, e os carteis das Letras Galegas enviados pola Xunta de Galicia os cales son renovados cada ano. O bar-restaurante está xestionado por un matrimonio galego, e permanece aberto ó público todos os días da semana.

Teñen unha sala de ensaio e baile, ben equipada e recuberta de espellos por un lateral, con previsión de insonorizala. Tamén dispoñen dunha sala de informática dotada de oito ordenadores (deles catro adquiridos en 2004 con subvención da Consellería de Emigración), que tamén é sede da biblioteca, e na mesma sala teñen unha vitrina con trofeos e obsequios recibidos tanto o propio centro como o seu grupo artístico.

Conta tamén cunha Sala de Xuntas, ampla e ben ordenada, encabezada cunha foto do Presidente da Xunta de Galicia.