Asociación Cultural Casa de Galicia de Andorra

A asociación organiza numerosas actividades socioculturais e recreativas, entre as que destacan as clases de gaita, baile, conferencias, charlas informativas, etc; pero tamén importantes son os programas formativos, especialmente os de lingua, cultura e historia galegas e os de informática.

É de destacar o seu grupo de baile, gaiteiros e pandereteiras “Xente Nova”, que ten unha activa participación nos actos e actividades organizados pola entidade, e noutros similares que teñen lugar en Andorra la Vella.

Celebran tódolos anos a Festa do Polbo e o Día das Letras Galegas, outorgando diferentes premios e medallas, como mostra de recoñecemento polo labor efectuado; e así, contan co premio concurso literario “San Jordi”, premio á “Colaboración”, premio “Bolboreta”, premio “Día das Letras Galegas”, etc.

No ano 2004, con motivo do X aniversario, celebraron un acto festivo, e de moita emoción, no salón de conferencias do Hotel Holiday Inn da cidade de Andorra la Vella a partir das 20:00 horas, do día 13 de novembro de 2004, o cal asistiu un representante da Consellería de Emigración. Entre as personalidades locais asistentes ó evento, cabe citar a:

  • D. Carlos Manuel de Benavides Salas, embaixador de España en Andorra.
  • D. Marc Forné Molné, president do Gobern d´Andorra.
  • D. Xavier Montané Atero, ministro de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte de Andorra.
  • D. Juan Luis Cordero Ceballos, consejero de Educación na Embaixada de España.

O presidente da entidade anunciou que tal evento serviu para que se crearan os Premios Xuntanza, dos que a xunta directiva decidiu nesta ocasión outorgar cinco, os cales foron entregados a: o socio número UN da entidade, a Consellería de Emigración, o locutor Luis Osorio, a emisora radiofónica R7P e a directora do grupo artístico da Casa de Galicia en Andorra, “Xente Nova”.

Publican trimestralmente a revista “Bolboreta”, onde se recollen as actividades realizadas pola institución, así como diferentes artigos relacionados con Galicia e traballos de interese cultural.

Tamen promoven un programa de radio en lingua galega, “Galicia máis cerca”, o primeiro que se emite en galego en Andorra. O programa retransmite a actualidade informativa de Galicia, colaboracións semanais de xornalistas e personaxes da cultura galega, entevistas e conexións con diferentes concellos galegos con motivo da celebración das súas festas patronais, música dos artistas galegos e a axenda cultural coas actividades que a Casa de Galicia realiza periodicamente.

Por primeira vez no ano 2005, no mes de marzo, organizan as Ias Xornadas Gastronómicas galegas en Andorra.

O seu actual presidente, D. Benedicto López Cajide, é unha persoa moi activa e promotor de moitos programas. Así, participou no VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas celebrado no ano 2003 en Bos Aires e tamén estivo presente nos actos do IV Día da Galicia Exterior que tiveron lugar en Santiago de Compostela.